RUTA SENDERISTA


Val do Rexo - A Padela


Características esenciais


Distancia: 7 Km

Duración: Sobre dúas horas e media.

Desnivel: 250m

Dificultade: Media


A indumentaria pode ser adecuada a cada época do ano, e con preferencia o máis lixeira posible. O calzado debe ser cómodo, levando zapatillas ou botas de montaña. Non esquecer un chuvasqueiro ou impermeable e unha cantimplora chea de auga. Levar sombreiro ou pucha para o sol. Sería aconsellable dispor de brúxula pese a que o camiño está perfectamente sinalizado.

  • ZONA DE LEIRAS E PRADEIRAS : Nelas pódense apreciar os cultivos propios da zona.
  • VELLO CAMIÑO QUE UNÍA REQUEIXO CON CARNALOBA: Fermoso sendeiro rodeado de carballos e monte baixo que percorremos pola ladeira dos montes da Padela.
  • SUBIDA AO MONTE DA “PADELA”: O camiño de subida ao monte está inzado de carballeiras, pechado con fortes muros de pedra que facían a linde das poulas (Terreos que non se traballan nin producían colleitas, solo para madeira ou leña).
  • VISTA PANORÁMICA: Este é o punto máis alto do roteiro dende o que podemos admirar todo o val da Padela. Camiñaremos entre os penedos da cima ata atoparnos de novo cun pequeno sendeiro que nos levará ao descenso do roteiro.
  • BAIXADA PERIGOSA: Principiamos o descenso cara o fondo do val por unha pequena carballeira ata atoparnos de novo co sendeiro.
  • ZONA BOSCOSA: Esta é unha das zonas máis boscosas do percorrido, nela podemos observar os carballos máis altos e acibros (especie protexida en perigo de extinción).
  • A PONTE: Cruzamos por derradeira vez o regueiro e comezamos a percorrer o sendeiro máis chan que nos conducirá á fin da rota.
 

Vexetación

A zona alta do percorrido está formada por monte baixo, no que predomina a uz, a carpaza e a xesta. Deixando a zona baixa para os bosques caducifolios de carballos e castiñeiros. Bordeando todo o regueiro encontramos ameneiros. Destaca na cara leste o acibro.



Fauna


É moi variada, destaca por ser zona residencial do lobo (especie en perigo de extinción), así mesmo atoparemos xabaríns, raposos, corzos e teixugos, pasando polo danzarín coello e o “Señor dos bosques”, o azor. Ademáis das coñecidas pombas e rulas torcaces.