A GRANXA
Situadas no Ecoespazo O Rexo
A NOSA HISTORIA
Os comezos
No ano 2000 a Fundación Ramón González Ferreiro, en colaboración co Concello de Allariz constatou que o despoboamento do medio rural, o descenso de actividade agraria, gandeira e forestal estaba a fomentar o abandono das superficies tradicionalmente traballadas na comarca. A climatoloxía e condicións da terra en Galicia, favoreceron a rápida proliferación de matogueira, a aparición e propagación de incendios e destrución da nosa paisaxe.
A limpeza
A proposta ante esta situación foi a limpeza destas superficies e a súa reutilización con fins industriais, agrarios, gandeiros e forestais. Así xorden novos pastos no val de Valverde que os veciños e veciñas ceden para pastoreo.
A granxa
A Fundación Ramón González Ferreiro, en colaboración co Concello de Allariz, puxo en práctica todas estas ideas, creando a Escola Silvo-Pastoril de O Rexo. Nos terreos de O Rexo instalouse unha granxa-queixería cun rabaño de ovellas procedentes de Euskadi.
As ovellas
Ovellas de raza latxa, moi ben adaptadas ás duras condicións climáticas da provincia. Estes animáis producen o leite para a fabricación dun queixo de ovella de alta calidade, proporcionando tamén ingresos económicos para manter o proxecto en activo.
A experiencia
A experiencia da Escola Silvo-pastoril deu paso a outros formatos educativos non formais, coma o Centro de Educación Ambiental de O Rexo.
O modelo de xestión
Ao longo dos anos a entidade colaborou activamente na implantación de novos modelos de xestión do territorio e tamén na recuperación de terreos rurais abandonados, algúns exemplos de éxito son: Como Cabras (elaboradores do Queixo de Cabra Touza Vella) ou a explotación de vacas vianesas de Coedo.
Dinamización do rural
A entidade continúa a colaborar na xeración, asesoramento e intercambio de experiencias con aquelas iniciativas dinamizadoras do rural galego.